sábado, 30 de maio de 2015

A Laracha e Carballo «ab initio»


«Volvo coa mesma humildade e co corazón de neno para o rural do que procedo»


Xosé María Arán.    Carballo / La Voz, 31 de mayo de 2015. Actualizado a las 05:00 h.





O significado desta imaxe de Xosé María Arán. 1. Quere transmitir que se trata dun cruce de camiños: o que vén da Laracha, o que vai para Carballo e, finalmente, o que vai para Berdillo (Verdillo), o lugar a onde irá a vivir en breve. 2. A sinal de «V» vén á conta de que a xente desta localidade non ten en conta o topónimo Berdillo, senón que o escribe con V, que é o que reivindica a imaxe. 3. A cazadora verde simboliza o verde esperanza neste núcleo, e son tamén as cores corporativas de entidades como o centro social, Vieiro... 4. Para rematar, é un recuncho do rural que reivindica.

Segundo me comentou Blandina Rodríguez (a miña nai), foi alá polo mes de outubro de 1964 e ás tres da tarde cando, despois de moitas horas de contraccións e de romper augas -menos bravas, pero seguro que máis turbias cas do Anllóns que unen as dúas terras dá miña vida- cando nacía o que escribe no lugar do Iglesario de Golmar, na Laracha, en plena cama da casa dos meus avós maternos, un parto á vella usanza, e despois posto sobre a hucha de madeira. Alí, o meu tío Ramiro Rodríguez procedía a atarme o cordón do embigo para darme saída a miña primeira independencia, pero baixo a tutela do meu lembrado pai, Luís Arán Eirín.

Pero son anos de oportunidades e meus pais, coma outros moitos, emigran á Alemaña dos substanciosos «marcos». Non me refiro aos das leiras, que destes si tiñamos e temos dabondo, senón aos das fermosas divisas que enriqueceron Galicia e España. Son tres anos suplidos co agarimo dos meus avós maternos Rafael Rodríguez, O Manco, e María García, que sempre me levaban de visita a Carballo á rúa do Sol, onde se atopaba o meu irmán Luís. Vivía na casa do meu avó paterno, José María Arán España. Por estas datas xa morrera a miña avoa María Eirín. Aos tres anos volve miña nai e co meu irmán estreamos a nova casa en Carballo, na que é hoxe a rúa Portugal, e onde estivera moitos anos a fábrica de madeira do Portugués. Alí, nesta rúa pertencente ao barrio da ghoubea tiven o epicentro para descubrir o Carballo máis humano, ese que empezaba a recibir grandes zarpazos construtivos de feísmo e especulación. Xa deixara de ser o modelo urbanístico que comentara Carrera Aldao, pero aínda conservaba zonas do vello Carballo por onde xogabamos, como a vella igrexa, o concello en fronte á librería de San Ramón, o paseo dos Baños Vellos coas súas arbores e a decadencia xa da Casa da Condesa... Tempos aqueles nos que as rúas foron nosas (co permiso de don Manuel Fraga, que Deus o teña na Gloria). Tempos de estudar parvuliños no colexio das monxas, pasando despois pola Escuela Hogar Francisco Franco, o Alfredo Brañas de Carballo, para rematar na Coruña no centro Calvo Sotelo, e posteriormente comezar o periplo profesional, primeiro nove anos no exército e despois, ata hoxe, no Grupo Calvo. Pero a semente da participación social débolla ao Fogar da Xuventude e á parroquia de Carballo, punto de partida da miña aprendizaxe con 14 anos e a posterior colaboración no mundo asociativo, cultural, educativo e social de Carballo ata hoxe en día (que sería para outro capítulo). Co saber do amigo José García, párroco carballés, así como de todos aqueles dos que aprendín tanto e como non do meu compadre Pedro Luís Fernández (o ghaiteiro), sen esquecer os que finaron, Eirís, Marino, Balboa...

O gran proxecto da miña vida.
A familia foi e é cada vez máis o meu gran proxecto. Quen ía dicir que sería Salamanca xermolo do matrimonio cunha fermosa rapaza das Labradas, Amparo, e que apontoamos coa primeira pedra coa nosa filla Iria e despois con Andrea, sen esquecerme da nosa cadela Nala. Xa vedes, rodeado totalmente do sexo feminino. Despois de formar o noso fogar no barrio da Casilla durante dezasete anos, estamos a piques de ir vivir para a nosa casa da parroquia de Verdillo. Póñoo con V a pesar do topónimo, porque hai que entrar con bo pé. Despois de medio século volvo coa mesma humildade e co corazón de neno para o rural do que procedo e me sinto tan orgulloso.


DNI.

Naceu no 1964. Encargado industrial en Conservas Calvo, é membro e fundador de numerosas entidades, unha lista tan grande que sería imposible de facer coller nunhas cantas liñas. El mesmo dá conta dalgunhas delas neste texto.

De moi neno. Esta fotografía da esquerda foi feita en Golmar (A Laracha). Nela, Xosé María Arán está no colo da súa nai. O outro neno é o seu irmán.

venres, 22 de maio de 2015

DANDO UN "TOUR ELECTORAL" POR CARBALLO

TERRA GALEGA
























PARTIDO POPULAR







 



                                             PSG-PSOE






       





                           BLOQUE NACIONALISTA GALEGO












SON CARBALLO











COMPROMISO POR GALICIA




LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...