xoves, 25 de agosto de 2011

QUINO, DEBUXA A CRITICA SOBRE A EDUCACION DOS FILLOS

Realmente isto está a acontecer.


Quino, o caricaturista arxentino autor de Mafalda, desilusionado co rumbo que está a tomar o mundo en canto a valores e educación, expresou o seu sentimento ao respecto...brillante!.

A xenialidade do artista produce unha das mellores críticas sobre a educación dos fillos nos tempos actuais..... Pais de Familia, Mestres, amigos: Reflexionemos...
 


.

venres, 19 de agosto de 2011

ACORDO SOBRE RÉXIME DE RETRIBUCIÓNS E INDEMNIZACIÓNS ÓS MEMBROS DA CORPORACIÓN PROVINCIAL DE A CORUÑA.

O Pleno da Deputación Provincial en sesión celebrada o día 29 de xullo de 2011 adoptou o seguinte

ACORDO

“A).- Retribucións dos membros da Corporación en réxime de dedicación exclusiva:

Presidente: As retribucións, en cómputo anual e contía, serán de 71.593,20 €
Vicepresidentes (2): As súas retribucións anuais serán de 60.426,57 €
Deputados do Grupo de Goberno (3): As súas retribucións anuais serán de 60.426,57
Deputado do Grupo PSG-PSOE (l): As súas retribucións anuais serán de 60.426,57 €.
Deputado do Grupo BNG (l): As súas retribucións anuais serán de 60.426,57 €.

As cantidades asignadas ós membros da corporación con dedicación exclusiva percibiranse mensualmente na parte que corresponda.

Polo tanto, para o ano 2011 os importes totais en cómputo anual das retribucións indicadas son os seguintes:

Estas cantidades revisaranse anualmente a partir do 01/01/2012 e actualizaranse na mesma porcentaxe na que aumenten ou diminúan de forma xeral as retribucións básicas dos funcionarios de carreira do grupo A1.


B).- Indemnizacións por preparación de asuntos e asistencia a sesións dos órganos colexiados da Deputación provincial:

Pola preparación de asuntos e concorrencia efectiva ás sesións de órganos de goberno da deputación provincial, os membros da corporación que non estean acollidos ó réxime de dedicación exclusiva, percibirán en concepto de asistencias os seguintes importes:

Sesións plenarias 591,00€
Sesións da Xunta de Goberno 370,00€
Reunións das Comisións Informativas 370,00€

Cando coincidan no mesmo día máis dunha sesión dos órganos colexiados descritos, terán dereito a percibir unha soa asistencia, tomando en consideración para tal fin, cando así proceda, a de maior importe das realizadas

A asistencia ás sesións formalmente convocadas dos órganos colexiados antes citados dará lugar á percepción dos gastos de locomoción desde a localidade de residencia dos deputados que non estean incluídos no réxime de dedicación exclusiva.

Ningún deputado poderá percibir máis de catro asistencias ó mes por sesións das Comisións Informativas, agás as do mes de setembro, e aqueloutras que correspondan a sesións ordinarias non celebradas no mes anterior. Así mesmo, ningún deputado poderá percibir máis de dúas asistencias ó mes por sesións da Xunta de Goberno, agás as do mes de setembro, e aqueloutras que correspondan a sesións ordinarias non celebradas no mes anterior.

C).- Asistencias a mesas de contratación, comisións de traballo ou tribunais de valoración dependentes desta corporación.

Tódolos membros da corporación que se designen formalmente para formar parte de comisións de traballo, mesa de contratación ou tribunais de valoración, percibirán pola asistencia ás sesións formalmente convocadas que se celebren, as cantidades dispostas no anexo 4º, categoría primeira do Real decreto 462/2002, do 24 de maio e disposicións de desenvolvemento ou normas que con carácter xeral o substitúan, cando así se determine expresamente no acordo ou resolución de nomeamento.

A asistencia ás sesións formalmente convocadas dos órganos colexiados antes citados dará lugar á percepción dos gastos de locomoción desde a localidade de residencia dos deputados que non estean incluídos no réxime de dedicación exclusiva.

Estas percepcións serán compatibles coas retribucións asignadas ós membros da Corporación con dedicación exclusiva, que só percibirán indemnizacións pola asistencia a sesións convocadas e realizadas integramente fóra da xornada laboral. No caso de deputados sen dedicación exclusiva, cando coincida unha sesión da Mesa de Contratación, comisión de traballo ou tribunais de valoración coa sesión dun órgano colexiado provincial, só se percibirá a axuda de custo por asistencia a sesión do órgano colexiado da Deputación provincial descrita no apartado B) da presente proposta.

D).- Indemnizacións por gastos ocasionados por comisións de servizos encomendadas a cargos electos.

En materia de indemnización por comisións de servizos rexerá o Real decreto 462/2002, do 24 de maio e disposicións de desenvolvemento ou normas que con carácter xeral o substitúan coas particularidades seguintes:

a) Por aloxamento e gastos de viaxe en medios de transporte público, aboarase o importe do realmente gastado e xustificado documentalmente.

b) Por manutención aboarase tamén o importe dos gastos efectivamente realizados sempre que o xustifiquen adecuadamente mediante facturas expedidas para o efecto.

c) Cando a comisión de servizos de cargos electos inclúa tamén a funcionarios de carreira, persoal laboral ou eventuais, aplicaráselles a todos eles o réxime de indemnizacións establecido neste apartado para os cargos electos.

E).- As retribucións a que se refire o apartado A) terán plena eficacia e aplicaranse nos seguintes termos:

1. O presidente devengará as retribucións asignadas desde o día do seu nomeamento e toma de posesión, é dicir, desde o día 12 de xullo de 2011.
2. Os vicepresidentes e os deputados do Grupo de Goberno percibirán as retribucións previstas cando se dean as tres condicións seguintes: prodúzase o seu nomeamento formal por resolución do presidente, acrediten os nomeados que reúnen as condicións para o desempeño en réxime de dedicación exclusiva e acepten expresamente o cargo, o que suporá o inicio das actividades encomendadas polo presidente nas que se fundamentan ás retribucións correspondentes.
3. Os deputados de cada grupo político con dedicación exclusiva serán nomeados polo presidente por proposta dos grupos políticos correspondentes e as súas retribucións devengaranse desde que se dean as tres condicións seguintes: prodúzase o seu nomeamento formal, acrediten os nomeados que reúnen as condicións para o desempeño en réxime de dedicación exclusiva e acepten expresamente o cargo, o que suporá o inicio das actividades encomendadas nas que se fundamentan ás retribucións correspondentes.


F).- Publicar o presente acordo da forma establecida no artigo 75.5 da Lei reguladora das bases de réxime local.”

O presidente A secretaria acctal.
Diego Calvo Pouso Mª Amparo C. Taboada Gil

.

xoves, 18 de agosto de 2011

PRAZA DOS LIBROS EN CARBALLO



 Xardín Municipal de Carballo durante catro días, desde o xoves 25 ao domingo 28 de agosto.

PROGRAMA

XOVES 25
11.00 h Comezo da Praza dos Libros. Durante toda a mañá haberá feira tradicional e #infantil Ciclobiblioteca con contacontos espontáneos

13.00 h Inauguración e pregón de Rosalía Fernández Rial

18.30 h infantil Caramulo, o xinete das árbores. Contacontos de Anxo Moure para nenos e nenas
19.30 h Presentación do libro de contos Madeira de mulher (Ed. do Castro), de Adela Figueroa, coa actuación musical de O’Mighelo e o seu acordeón diatónico. Participan:
-O’Mighelo
-Paco Graña, de Adega
-Celsa Sánchez, ilustradora
-Adela Figueroa, autora, expresidenta de Adega

20.30 h Presentación do libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (Xerais), de Carlos Callón. Participan:
-Xosé Regueira, concelleiro de Normalización Lingüística
-Manuel Bragado, editor
-Luz Cures, lingüista
-Carlos Callón, autor, presidente da Mesa


VENRES 26
12.30 h infantil Conto contigo. Contacontos de Expresión para nenos e nenas

18.30 h infantil Contos para escagharriñarse. Espectáculo infantil dos Ghazafelhos

19.30 h Presentación de Penúltimo dietario (Xerais), de Xosé Neira Vilas. Participan:
-Silvana Castro, profesora e concelleira
-Manuel Bragado, editor
-Xosé Neira Vilas, autor

20.15 h Sinatura de libros do escritor Xosé Neira Vilas, autor de Memorias dun neno labrego, Cartas a Lelo, Querido Tomás, etc.


20.30 h Conversa con Ignacio Silva, carballés autor de Cara B (Xerais) e Rosalía Fernández Rial, carballesa autora de Átonos (Lumieira)

22.30 h De ruada ao serán. Espectáculo etnográfico na Praza do Concello

SÁBADO 27

12.30 h Presentación de Luis Suárez. Fútbol de seda (Baía), de Xan Fraga. Participan:
-Marcos Trigo, concelleiro de Deportes
-Manolete, ex-xogador internacional do Deportivo da Coruña
-Xan Fraga, autor

19.30 h infantil Vida, crimes e prisión de Toribio de Mañón, de Títeres Viravolta

20.30 h Presentación de In vino veritas (Galaxia), de Francisco Castro. Participan:
-María Canosa, escritora
-Francisco Castro, autor


DOMINGO 28

11.00 h Un libro, un pan. Durante toda a mañá, todas as persoas que merquen algún libro serán agasalladas cun pan de Carballo. Tamén haberá feira tradicional e #infantil Ciclobiblioteca con contacontos espontáneos

12.30 h Presentación de A ciencia no punto de Mira (Auga), de Jorge Mira. Participan:
-Santi Garrido, xornalista
-José María de la Viña, profesor
-Jorge Mira, autor

18.30 h infantil Contos no tendal, contacontos para nenos e nenas de Raquel Queizás

19.30 h infantil Presentación da nova serie infantil A familia Caravana (Cumio), de Pepe Carreiro (autor dos Bolechas). Participan:
-Milagros Lantes, mestra e concelleira
-Francisco Villegas, editor
-Pepe Carreiro, autor

20.00 h Sinatura da novela A vida fóra (Galaxia), de Miguel Sande

20.30 h Admirando a condición, presentación do disco de Ses, con concerto acústico de María Xosé Silvar e Tito Calviño

21.30 h Remate da Praza dos Libros

Podes descargar o programa completo en pdf en: http://www.carballo.org/medi/documentacion/programa_praza11.pdf

Cada persoa que merque un libro en galego será agasallada cun exemplar de Os meus favoritos, guía de enderezos de internet. Ademais, todos os libros mercados terán un 10% de desconto e todos os días haberá sorteo de lotes de libros.

Horario:
-Mañás: de 11.00 h a 14.00 h
-Tardes: de 17.30 h a 21.30 h


Organiza:
-Concello de Carballo

Colabora:
-Conservas Calvo


Participan:
-Libraría A Tenda dos Libros (Ponteceso)
-Libraría Brañas (Carballo)
-Libraría Como unha novela (A Laracha)
-Libraría Couceiro (A Coruña)

-Libraría Pedreira (Santiago)
-Libraría Roget (Vimianzo)
-Libraría Trasgo (Carballo)
-Tinta de Lura (camisolas literarias) [o domingo]

.

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...