luns, 2 de xullo de 2012

GRUPO CALVO, SUMASE A 13 GRANDES FIRMAS GALEGAS, PARA PROMOVER A RESPONSABILIDADE SOCIAL EMPRESARIAL



Un conxunto de 13 grandes firmas galegas selaron este luns un acordo polo que crean un grupo de representación en materia de responsabilidade social empresarial (RSE) para promover iniciativas neste ámbito e tutelar ás pequenas e medianas empresas (pemes) que emprendan accións neste sentido.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presidiu a constitución do grupo, que foi impulsado polo Goberno galego. Trátase, dixo, dunha iniciativa "pioneira" en Galicia e en España que permite que cada gran empresa participante tutele a dúas pemes e, ademais, que estas sociedades desenvolvan "unha axenda de traballo común".

No acordo participan Blusens, Congalsa, Feiraco, Gadisa, Grupo Calvo, Grupo Ingapan, Grupo Pontes, Fillos de Rivera S.A., Inditex, Martín Códax, Pescanova, R Cable e Telecomunicacións S.A. e Vegalsa-Eroski.

O grupo traballará mediante encontros nos que as empresas compartirán as súas experiencias e buscarán solucións para as pemes. O obxectivo da tutela é que as grandes firmas acompañen ás pequenas e medianas empresas que inician accións de RSE e estas fórmense e poidan contar con ferramentas simplificadas que lles permitan "superar as barreiras" que lles impiden avanzar neste ámbito, explicou Mato.

A conselleira destacou a necesidade de "compatibilizar" o obxectivo do éxito empresarial cos beneficios para o conxunto da sociedade e animou ás empresas a desenvolver "valores engadidos" nun contexto no que os mercados vólvense cada vez máis competitivos.

UN MODELO "MÁIS ÉTICO"

As iniciativas de RSE, sostivo, "melloran a imaxe e outorgan unha diferenciación positiva" ás empresas. A pesar diso, indicou que a crise "exerce un freo importante" a estas prácticas e citou estudos que apuntan a que unha de cada tres empresas españolas abandonaron por este motivo as actividades de responsabilidade social nos últimos anos en España. A taxa é superior nas pemes que nas grandes empresas e o tecido galego componse, fundamentalmente, das primeiras, subliñou.

A Xunta, afirmou Mato, aposta por desenvolver e impulsar as iniciativas de responsabilidade social empresarial que é obxecto, de feito, dun acordo dentro do diálogo social.

Esta iniciativa conta co respaldo da Comisión Europea e do Fondo Social Europeo, explicou e fixou como obxectivo "situar ás empresas galegas como referentes en RSE". O acordo deste luns, dixo, é "un paso adiante" para promover un novo modelo empresarial "máis ético, máis transparente e máis sensibilizado coa contorna".

.

Ningún comentario:

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...