xoves, 5 de xullo de 2012

José Luís Calvo recibe o premio ao Executivo do Ano en Galicia


(A Coruña, 05/07/2012).- José Luís Calvo, Presidente do Grupo Calvo, recolleu esta noite no Hotel Hesperia Finisterre o premio ao Executivo do Ano en Galicia co que a revista executivos recoñece o seu traballo á fronte dunha das maiores compañías do noso país.

O acto estivo presidido por María Vitoria de Vermellas, conselleira delegada do Grupo Vivipress e editora da revista executivos. quixo agradecer o apoio institucional a esta iniciativa e a boa acollida entre os empresarios galegos que fixeron posible esta segunda edición dos Premios Executivos Galicia. Doutra banda, unha das cousas importantes que transmitiu "é que temos que cambiar o chip, temos que empezar a pensar en positivo, esquecernos de que existe esta crise tan profunda e empezar a traballar para saír adiante".

Pola súa banda, Carlos Negreira, Alcalde da Coruña, na inauguración do acto quixo reivindicar o papel do empresario, xa que "son absolutamente necesarios. Esta sociedade non terá enerxía, nin riqueza, nin ideas se non ten bos emprendedores". Ademais, destacou a importancia de ter confianza sobre todo nas institucións, para o que "debemos traballar todos moi seriamente nese camiño", e da innovación, que é o que marca a diferenza entre as sociedades líderes ou as que simplemente copian. "Polo tanto A Coruña neste século XXI tamén ten ese reto".

José Luís Calvo no seu discurso de agradecemento, tras recoller o galardón, quixo facer partícipe deste a todo o equipo do Grupo Calvo, os seus familiares e a todas as persoas que lle apoiaron o longo de toda a súa traxectoria profesional. Así, explicou que este premio representa o esforzo que realizaron desde o grupo durante os últimos 72 anos, "pero tamén representa algo máis. Este premio é un aplauso a Galicia, os homes e ás mulleres que se espertan cada día cunha ilusión e unha esperanza de cambio e dun futuro mellor. É un recoñecemento á forza galega, esa que nos permitiu afrontar con amorne as situacións máis adversas e repornos con éxito". destacou ademais o papel dos mozos de continuar no futuro co labor dos empresarios de hoxe.

O broche final púxoo Alberto Núñez Feijóo, Presidente da Xunta de Galicia, que quixo agradecer o traballo de todos os premiados porque sen eles Galicia sería distinta. fixo referencia á actualidade dura que se está vivindo pero sen deixar de lado a idea de que "estámolo facendo mellor que a media, por non dicir que o estamos facendo mellor que os demais e iso non é casualidade. Iso é o produto dun traballo, dunha forma de ser, unha forma de entender e dalgúns principios básicos, sempre empresariais e familiares". Estes principios son os que hoxe sitúan a Galicia, aínda tendo unha situación de complexidade, con 5 puntos menos de paro que a media de España. "E se temos menos paro é porque temos un tecido empresarial que nos está dando un certo respiro". Tamén fixo énfase en que o espírito innovador é a clave do éxito.

No mesmo acto, a publicación económica recoñeceu o traballo das Institucións, entregando á Autoridade Portuaria da Coruña o recoñecemento ao Liderado.

Nesta segunda edición dos Premios Executivos Galicia tamén foron premiadas Grupo Rodman (Estratexia Empresarial), Engasa (Empresa Enerxética), Invertaresa (Xestión Empresarial), GalChimia (Innovación), Feiraco (Calidade), Balneario de Mondariz (Proxecto Turístico), Leite Rio (Marca), R (Vangarda) e o Hotel Hesperia Finisterre (Excelencia). Ademais, executivos quixo entregar o galardón á Traxectoria Profesional a Antonio Fontela

Ningún comentario:

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...