domingo, 19 de xuño de 2016

Entre mulleres

«Débolles a elas o que son e como son. Voto desde as primeiras eleccións democráticas, posto que aínda que non tiña a idade, sempre acompañei a miña avoa mentres viviu a exercer ese dereito fundamental, con ledicia e orgullo, dado que nunca o puidera facer a pesar de ter máis de setenta anos daquela. (...). Así pois, a miña existencia ata agora ten transcorrido entre mulleres, do que me sinto satisfeito, feliz e, sobre todo, agradecido»

19 de junio de 2016. Actualizado a las 05:00 h.




Por circunstancias da vida, practicamente crieime entre mulleres (avoa, nai, madriña e irmá). E iso, dun xeito ou doutro, tivo as súas consecuencias no devir dos tempos, posto que nunha sociedade como a dos anos oitenta podíame considerar un privilexiado nas «tarefas do fogar», termo para min totalmente descoñecido naquel tempo. Ata que cheguei á universidade, máis concretamente a un piso en Santiago compartido exclusivamente por homes.

Non sabía facer nada e así viñeron as consecuencias. Recordo na primeira semana de curso, aló polo anoitecer dun día de outubro de 1985, que tiven a ousadía de querer facer café de pota para todos. Puxen a pota chea de auga ao lume, e inmediatamente boteille un par de culleradas de café moído. Como a auga non tornaba escura -eu o café que vira ata entón era negro- boteille outra cullerada... e outra... e outra... ata acabar co café. E non pasaba nada especial. Pero cando a auga empezou a ferver aquilo medraba, e medraba... e formouse un magma escuro, que primeiro rebordou a pota, logo a cociña de butano, e foi caendo ao chan ata formar unha gran masa espesa. Aquel día aprendín que o café dá moito máis de si do que un pensa, pero tamén a fregar o chan; dúas leccións de tarefas do fogar na mesma xornada. Café non bebemos, mais polo menos tivemos no piso un estupendo aroma durante días.

O vivir entre mulleres tamén ten outros aspectos, cariñosos, entrañables, positivos, tolerantes. De feito débolle a elas o que son e como son. Voto desde as primeiras eleccións democráticas, posto que aínda que non tiña a idade sempre acompañei a miña avoa mentres viviu a exercer ese dereito fundamental, con ledicia e orgullo dado que nunca o puidera facer a pesar de ter máis de setenta anos daquela.

Música e mundo asociativo
Desde que mostrei xa de pequeno interese pola música, as mulleres da miña casa mandáronme primeiro a aprender a tocar a guitarra; logo ao Conservatorio -formo parte da primeira fornada de alumnos que tivo o Conservatorio en Carballo, estudando ao principio nun local da Parroquia, logo no local que está esquina Camiño Novo-Desiderio Varela onde houbo ata hai pouco oficinas bancarias, e máis tarde nas instalacións da Casa da Xuventude, conservando un gran recordo do profesor Orentino, penso que como todos os que fomos seus alumnos-; e xa cando estaba cursando bacharelato no Instituto Alfredo Brañas inicieime no mundo da gaita, o que me marcou musicalmente para o futuro, ata o punto de que a día de hoxe, con moita menos dedicación, continúo tocando no Coro Aires de Bergantiños e nalgunha outra formación tradicional. Como se ve, desde a nenez a música leva formando parte dun xeito importante da miña vida e do meu crecemento como persoa.

Paralelamente á música tamén estiven vinculado sempre ao mundo asociativo. Desde novo integreime na Asociación Xuvenil Fogar da Xuventude. Con eses folgos que dá a xuventude e con ganas de traballar e cambiar o mundo, un grupo de rapaces, dos que algún xa non está entre nós, como o querido Balboa, e outros seguen ao pé do cañón como o meu compadre Xosé María Arán, participamos e contribuímos dentro das nosas posibilidades na dinamización de distintos movementos culturais carballeses, que aló a finais dos anos oitenta eran un referente en toda Galicia. Carballo estaba cheo de asociacións e inquedanzas culturais, sociais e deportivas. E eu gábome de ter participado naquel bulir. Lembro con especial satisfacción, posto que se trataba de agasallar a memoria do amigo Xosé Manuel Eirís, a organización da homenaxe que se lle tributou tras a súa morte no salón de actos do Instituto Alfredo Brañas. Hoxe, con menos tempo pero coas mesmas ilusións, tentamos seguir contribuíndo a que a nosa vila estea activa e viva desde o Padroado Fogar de Bergantiños, un proxecto bonito e participativo que persegue o recoñecemento a persoas e entidades que desde diversos ámbitos contribúen a dignificar a nosa terra e as nosas xentes.

Avogado
E no medio de todo este non parar, compaxinando a profesión de avogado coas miñas afeccións, atopeime coa outra muller da miña vida, a miña muller con maiúsculas. A que aguantou e aguanta estoicamente e con comprensión desde hai xa uns cuantos anos horas de ensaios, de reunións, de ocupacións fóra do traballo, coa que logrei o tesouro máis prezado, o noso fillo. Así pois, a miña existencia ata agora ten transcorrido entre mulleres, do que me sinto satisfeito, feliz e, sobre todo, agradecido a todas elas.

DNI
Pedro Luis Fernández Pombo. Naceu no ano 67. Exerce como avogado aínda que, como curiosidade, estivo a piques de ser filólogo. Como el conta, combina a afección pola música e o mundo asociativo coa súa profesión. Tense definido como «avogado de pobo e gaiteiro». Carballés, ten sido tertuliano de Radio Voz Bergantiños, un dos máis veteranos, ademais de concelleiro socialista no seu día. As palabras que aquí escribe reflicten que é un home familiar. A súa é unha vida activa. Fernández Pombo exerce de avogado dende o despacho Berius, no que comparte oficio con Miguel Ferreiro, edil popular, e Francisco Valiño. 

Fuente: La Voz de Galicia

Ningún comentario:

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...