venres, 4 de outubro de 2013

As termas ocultas de Galicia


CUNTIS E CARBALLO GARDAN NO SEU SUBSOLO RESTOS DE EDIFICIOS TERMAIS ROMANOS XA ESCAVADOS HAI SéCULOS

As termas ocultas de Galicia




3 / 10 / 2013
Santiago. Redacción
 

As termas romanas sempre crearon fascinación entre os investigadores e o gran público, e en Galicia aínda fican algunhas baixo terra. Tres investigadores da vila de Cuntis revelaron o achado en documentos dunha posible terma romana baixo as lousas da Rúa Real da súa vila, escavada xa en 1831. O redescubrimento lembra tamén á espectacular terma romana de Carballo, orixe da primeira escavación arqueolóxica de Galicia, a finais do século XVIII, e tamén baixo terra.       
Os romanos edificaron numerosas termas en Galicia. Baños coma os de Lugo, as Burgas de Ourense ou o vínculo entre o campamento romano de Aquis Querquennis, a pousada da vía e as fontes termais próximas son ben coñecidos e visitados, pero algunhas vilas termais de Galicia aínda seguen a gardar no seu subsolo gloriosos edificios que principian a longa tradición dos baños públicos en Galicia e que curiosamente estrearon a práctica da arqueoloxía en Galicia.

Piscinas baixo a Rúa Real
Onte, tres novos investigadores de Cuntis, Héitor Picallo, Martiño Picallo e Diego Torres Iglesias deron conta no Diario de Pontevedra do achado dos informes manuscritos dun médico ribeirense, Manuel Xacobe Fernández Mariño, quen escavou casualmente no ano 1831, durante os traballos de acondicionamento dunha das fontes termais de Cuntis, un posible baño romano en bo estado. De aquela, o achado entusiasmou aos intelectuais da zona, que deron conta del en diferentes Publicacións. Tratábase “dun gran baño de construcción romana, a la profundidad de dos varas bajo el nivel de la calle principal, con paredillas muy compactas. Fernández Mariño achara ademáis importantes restos da cultura material: “Sobre una pared de este baño se halló una pequeña estatua de metal, que figura ser un Edil romano, y una inscripción en lo interior de la pared, al lado de una corona, que desgraciadamente destruyeron los operarios”. O interesante é que Fernández Mariño, consciente da relevancia do achado, ordenou tapar o achado e protexelo con obra de grandes bloques de granito. Segundo Héitor Picallo, a construción aínda está ao carón da fonte termal ubicada hoxe na Rúa Real, e insta a que “cando se poida, o bo sentido da Administración pública cuntiense leve a se aniamr a dar rescate e pór en valor esta estrutura arqueolóxica”.

O alcalde de Cuntis manifestou hoxe que o concello vai tentar recuperar o baño romano.


Plano da escavación arqueolóxica das termas de Carballo. Pódese ver a casa do cura por riba da terma

As termas de Carballo
Non é o único baño romano soterrado nas vilas termais galegas. A temperá e fortuita excavación da terma de Cuntis pon sobre a mesa a que debe ser a primera excavación arqueolóxica metódica levada a cabo en Galicia, en 1777, para localizar as termas de Carballo. Se ben o saqueo de sitios arqueolóxicos en Galicia é máis antigo, a investigación levada a cabo en Carballo, como parte dun pleito xudicial entre o cura da parroquia e o propietario da terma, puxo en relevo un espectacular complexo termal hoxe sepultado baixo a vila, e que no seu momento provocou a admiración dun dos peritos, o arquitecto Miguel Ferro Caaveiro. A terma de Carballo foi localizada a partir da existencia dunha “medoña” ( o termo local para mámoa”) que botaba vapor en 1716. Iso espertou a curiosidade dos veciños, que escavaron no lugar na procura de tesouros. A historia desta escavación detállase no artigo “O balneario romano de Carballo segundo as fontes do Arquivo do Reino de Galicia (Unha excavación arqueolóxica no século XVIII)”, publicado por Gregorio Casado e Rosa Franco na revista Gallaecia e que se pode consultar nas ligazóns desta noticia.

Tras a aparición destas estruturas soterradas, edificouse unha capela, uns baños e unha pousada financiada polo cura da parroquia, quen obtiña beneficios dos doentes que acudían a estes baños. Un pleito entre o cura e o propietario das terras provocou a excavación dun enorme complexo que fascinou aos peritos que durante varios días movilizaron ducias de peóns, exhumando un gran edificio público que se estendía mesmo por debaixo da casa do cura, e que Gregorio Casado e Rosa Franco identifican claramente como edificio termal romano. Hoxe estas ruínas atópanse baixo o casco urbano de Carballo.

Ningún comentario:

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...