venres, 6 de maio de 2016

O Fórum encheuse de veciños e veciñas interesados na posta en marcha dos Consellos Parroquiais: novos mecanismos de participación cidadá


Cheo ata arriba de veciños e veciñas. Así estaba o xoves 5 de maio o auditorio do Fórum Carballo para presentar o proceso de creación, impulso e dinamización dos Consellos Parroquiais do Concello de Carballo, un mecanismo recollido no Regulamento de Partipacion Cidadá pensado como un órgano de consulta, información, control e elaboración de propostas para a xestión municipal. Estes mecanismos permiten e impulsan a nivel parroquial a participación da veciñanza, colectivos e entidades. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e un representante de Deloga, entidade que se encargará de supervisar a posta en marcha dos consellos parroquiais, foron os encargados de debullar os detalles da iniciativa, que comezará co desenvolvemento das primeiras reunións cos veciños e veciñas en próximos días.

Ábrese unha nova canle de comunicación co Concello

En última instancia, a participación ten como obxectivo mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas das parroquias

Tanto Ferrero como Deloga quixeron resaltar que os Consellos parroquias serán órganos "apolíticos" nos que prime o "ben común" e pensados como unha "nova canle de comunicación co Concello". Servirán para coñecer máis de preto as necesidades e as demandas da veciñanza, trasladando as achegas das parroquias do rural. Á súa vez facilitarán o acceso a máis e mellor información sobre as decisións tomadas polo Concello, coa arela de mellorar a transparencia e a eficacia da xestión municipal.

Durante a xuntanza tamén se subliñou que Carballo "conta con 17 realidades diferentes", ademais de ser un municipo de moitos habitantes, coa complexidade de goberno que esta circunstancia supón. Por iso, os consellos están pensados tamén para "mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas". E esa mellora na calidade pode referirse tanto ao patrimonio material como inmaterial da veciñanza; tanto á realización de obras e á mellora da eficacia nos servizos, como ao mantemento do tecido cultural, artístico e asociativo de cada parroquia.

Pasos para a creación dos Consellos Parroquiais
Na foto o Alcalde e un representante de Deloga,

Ao longo do mes de maio, técnicos de Deloga manterán dous encontros participativos con todos os veciños e veciñas das parroquias que estean interesados en asistir. O obxectivo será o de coñecer a situación actual das parroquias de Carballo. Tamén se farán os primeiros contactos cos representantes da veciñanza que estean interesados en formar parte dos Consellos parroquiais. Logo, celebraranse tres sesións de carácter práctico e formativas, coas que facilitar a futura xestión dos consellos. Está previsto que esta fase do proceso teña lugar durante o mes de xuño.

Por último, espérase que despois do verán, nos meses de setembro ou outubro, podan arrincar e xa estean constituídos os novos consellos creados en cada parroquia, coas primeiras reunións supervisadas polos técnicos para logo funcionar con independencia nas seguintes xuntanzas. Trátase dun proceso completamente voluntario, polo que o novo organismo crearase nas parroquias nas que os veciños e veciñas teñan interese en participar, podendo haber algunha na que non chegue a constituírse. En todo caso, a porta sempre estará aberta para que se cree o organismo en calquera momento no futuro.

Cómo participar?
Quen non se achegaran esta semana ao Fórum para participar na xuntanza, tamén poden implicarse no proceso en calquera momento:
§  Contactando con Secretaría de Alcaldía no teléfono 981 704 700 ou ben acudindo en persoa á Casa do Concello.
§  A través da ficha de inscrición e dos formularios que estarán dispoñibles en breve no web municipal.


Carballo é cousa de todos! Participa!

Ningún comentario:

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...