sábado, 10 de xuño de 2023

LA VOZ DE GALICIA: Unha marea de amizades renderán homenaxe en Carballo ao lembrado Pedro Luís Fernández Pombo




Unha marea de amizades renderán homenaxe en Carballo ao lembrado Pedro Luís Fernández Pombo



Patricia Blanco
P. BLANCOCARBALLO / LA VOZ



Aires de Bergantiños promove para mañá no Pazo un tributo ao avogado-gaiteiro falecido en xaneiro do 2022

09 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.



ende neno metido en mil cousas, e en todas implicado ata o fondo», «persoa marabillosa», «irrepetible», forxador de amizades que nunca decaeron. Así se lembrará mañá, sábado, no Pazo da Cultura de Carballo (20.30 horas) a Pedro Luís Fernández Pombo, avogado, activista cultural en numerosas asociacións e sobre todo cidadán de a pé, un home entregado aos seus. Pedro faleceu en xaneiro do 2022, dunha forma totalmente repentina e inesperada, mais iso non significa nin de lonxe o esquecemento, como o acreditará esta homenaxe promovida, fundamentalmente, polo coro Aires de Bergantiños, do que foi presidente. Pedro segue estando. Numerosas persoas confirmaron xa a súa asistencia a este encontro, que terá como presentadores a Fran Rodríguez, condutor de Voces de Bergantiños, en Radio Voz Carballo, e o mago Álex Louzao.

Fotografías e vídeos cargados de anécdotas e información aportada por quen o coñeceu de moi preto, repasarán as variadísimas facetas de Fernández Pombo, empezando polas súas vivencias de neno e mozo e seguindo polo aspecto laboral, o político, o do asociacionismo, o do teatro (e a súa querenza polo entroido!), o do deporte ou o da música. Pedro Luís, dicía sempre, era un avogado-gaiteiro. Abrirá o acto, precisamente, o grupo de gaitas Albaroque, seguindo as palabras de Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, e da directiva de Aires de Bergantiños, que darán a benvida a unha cita para festexar xuntos o ter coñecido a unha persoa como «o noso Pedro».



Intervirán asemade o sacerdote José García Gondar, así como representantes do grupo de camiñatas ao que pertencía Fernández Pombo, os seus amigos, o grupo de natación máster, Fogar da Xuventude, grupo de amigos Tamparrantán, grupo de ciclistas... As diferentes proxeccións lembrarano ademais na súa implicación con Vieiro, Nemeth, Padroado Fogar de Bergantiños, colectivo de árbitros, Arume de Berdillo, Fogar Natación ou tamén Afaber.  Será a de mañá no Pazo unha tarde para lembrar a ilusión coa que se implicaba, o seu enxeño, o seu humor e as súas ocorrencias. Un tributo no que moitos aportaron o seu gran de area de forma desinteresada. Para consulta de prazas: homenaxepedroluis@gmail.com.


Boneca, Marea Baixa, Sonseis, Aires de Bergantiños ou Fernández Vila

Ademais de intervencións e proxeccións, o tributo de mañá estará inzado de intervencións musicais. É o caso de Boneca, un grupo de amigos adolescentes formado aló polo 1983 coa única idea de pasar tempo xuntos arredor da música. A etapa universitaria separounos, mais logo de 30 anos volveranse escoitar en Carballo interpretando un tema composto precisamente por Fernández Pombo: Lémbrate. Actuarán ademais Marea Baixa, coa peza Amencer, composta por Xosé Luís Silva, ou Son Seis, subindo ao escenario un tema polo que o homenaxeado tiña debilidade: Moon River. Non faltarán Nemeth, grupo de gaitas Albaroque e Arume, aos mandos de Miro Regueira, nin por suposto Aires de Bergantiños. Tampouco Pedro fillo, herdeiro desa querenza musical de seu pai, que irá case pechando o encontro con Capricho árabe


La Voz de Galicia


Ningún comentario:

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...