NOTA DE PRENSA ENVIADA POLO PARTIDO POPULAR DE CARBALLO:
O ALCALDE NON PODE SEGUIR AGOCHÁNDOSE E DEBE ASUMIR A SUA RESPONSABILIDADE SOBRE AS IRREGULARIDADES NAS OPOSICIÓNS EN CARBALLO.
O PP observa con preocupación como a poboación de Carballo manifesta maioritariamente o seu convencemento de que nos procesos de selección de persoal do Concello de Carballo existen irregularidades, asumíndoas case con normalidade.
Carballo, venres, 4 de novembro de 2011.- A realidade é que dende que goberna o BNG en Carballo a falta de transparencia e as irregularidades reiteradas nesta materia teñen producido unha morea de situacións prexudiciais para o noso concello. O actual proceso da policía local é só o último eslabón da cadea, pero anteriormente cabe mencionar varias sentencias xudiciais que anularon bases de convocatorias ou que ordenaron indemnizar a opositores en procesos selectivos convocados por Evencio Ferrero.
O alcalde, coma sempre que existe algún problema, só sabe botar balóns fóra. Non dá ningunha resposta e opta por ausentarse dos problemas, propiciando coa súa actitude que se poña en tela de xuízo a transparencia e a claridade dos procesos de selección de persoal. En lugar de asumir as súas responsabilidades e adoptar as medidas que lle corresponden, agóchase detrás do tribunal que el nomeou ou busca que funcionarios doutras administracións lle solucionen os problemas que el creou (como é o caso das oposicións da policía, nas que nomeou a un funcionario da Diputación para que lle solucione o caso. Este funcionario, segundo as nosas noticias, non aceptou a encomenda. ¿Seguirá o alcalde pasándolle a pelota a outros?).
Esta actitude, non inocente, queda en evidencia no incumprimento do compromiso plenario, acadado no ano 2008, de facilitar a participación de tódolos grupos na designación dos membros dos tribunais. Naquel momento, para saír do paso doutra irregularidade, aceptou esa obriga que nunca cumpriu. Dende entón e ata agora, todos os tribunais foron elexidos e nomeados directamente polo alcalde asumindo en solitario e en exclusiva esa facultade e, polo tanto, toda a responsabilidade.
A falta de transparencia e a fuxida cara adiante do primeiro edil é reiterada. O alcalde aínda ten pendente de dar as oportunas explicacións polas denuncias, feitas hai varios meses, sobre a contratación irregular dunha persoa que formaba parte da súa candidatura nas eleccións municipais e que Evencio Ferrero non se dignou en aclarar, a pesares de existir evidencias de irregularidades graves nesa contratación, que amosa un caso claro de favoritismo e enchufismo e apuntan directamente ó propio alcalde.
Ningún comentario:
Publicar un comentario