luns, 24 de decembro de 2012






MENSAXE DE NADAL DA S. M. O REI 24 de decembro de 2012

Boas noites, Nesta Noiteboa, como cada ano, quero reflexionar convosco sobre o que nos preocupa e tamén sobre as nosas esperanzas. En concreto, gustaríame referirme a tres asuntos: a crise económica, a fortaleza de España como nación europea e iberoamericana e a necesidade de reivindicar a política como instrumento necesario para unir as forzas de todos e acometer a saída da crise e os retos que temos por diante.

Non penso que esaxero se digo que vivimos un dos momentos máis difíciles da recente historia de España. A grave crise económica que atravesamos dende hai uns anos alcanzou unha intensidade, unha amplitude e unha persistencia no tempo que ninguén imaxinaba. Os cidadáns sofren hoxe o seu rigor, que está a poñer en dúbida o benestar de non poucas familias.

Penso en tantas persoas de todas as idades, pero moi especialmente na gran parte da mocidade, que se ergue cada día con sensación de inseguridade e desánimo pola difícil situación da súa economía, a falta de traballo e as incertas perspectivas de futuro. Non podemos ignorar que existe pesimismo, e que os seus efectos se deixan sentir na calidade do clima social que vivimos. Está ademais a xerar un desapego cara ás institucións e cara á función política que a todos nos preocupa. Fronte a este pesimismo, como fronte ao conformismo, cabe encontrar novos modos e formas de facer algunhas cousas que reclaman unha posta ao día.

A realidade actual é complexa e non sempre doado de entender nin de solucionar nun curto prazo. Austeridade e crecemento deben ser compatibles. As renuncias de hoxe han de garantir o benestar de 2 mañá, nun prazo razoable de tempo, de maneira que se asegure a protección dos dereitos sociais que son sinal de identidade da nosa sociedade desenvolvida. Para que a nosa economía volva medrar temos que poñer orde nas nosas contas e, á vez, xerar estímulos para a creación de riqueza. Hai estímulos que son creados por medidas de política económica ou fiscal, ou por políticas de fomento da innovación ou o espírito emprendedor, pero o primeiro estímulo que nos sacará desta crise chámase confianza.

Ao longo dos trinta e sete anos do meu reinado pasamos por varias conxunturas económicas realmente complicadas que os que temos xa algúns anos lembramos ben. Se cadra non foron tan difíciles como esta pero en calquera caso foron moi complicadas. E non obstante, soubemos saír delas con éxito e facer que a nosa economía medrase e que o noso benestar mellorase. E lográmolo por moitas razóns pero, en primeiro lugar, porque tiñamos confianza nun proxecto compartido por todos e nas nosas posibilidades de saír adiante. Hoxe como daquela, poderemos superar as dificultades actuais coa xenerosidade, o talento e a creatividade dos nosos homes e mulleres e coa fortaleza do noso sistema produtivo se temos confianza en nós mesmos e se somos capaces de xerala tamén nas instancias e nos mercados internacionais. España é parte da solución á crise global e debe ser protagonista na toma de decisións nos grandes foros internacionais.

 Iberoamérica é parte fundamental de nós, como tamén nós o somos dela. O mesmo acontece con Europa. Coa Unión Europea temos que seguir traballando para superar as visións puramente nacionais e reforzar as bases de solidariedade coas que entre todos avanzamos no proceso de integración. Debemos garantir que nada do conseguido xuntos, nin os dereitos individuais e sociais, nin o benestar económico, nin o proceso de construción política e económica poidan verse ameazados. Pero non todo é economía. Por moi evidente que sexa, non é malo repetilo: non todo é economía. Non ignoro que a política non vive 3 hoxe as súas mellores horas na percepción dos cidadáns.

Por esta razón eu quixera esta noite reivindicar a política porque o seu papel é fundamental na saída da crise. Quero reivindicar a política grande, esa, que para destacar a súa dignidade e valor adoitamos chamar a política con maiúsculas. A que, dende o goberno ou dende a oposición, fixa a súa atención no interese xeral e no benestar dos cidadáns. A que, lonxe de provocar o enfrontamento e dende o respecto á diversidade, integra o común para sumar forzas, non para dividilas. A que sabe renunciar a unha porción do seu para gañar algo maior e mellor para todos. A que busca o entendemento e o acordo para canalizar e resolver os grandes e fundamentais desafíos colectivos. A que se cimenta no espírito de servizo e se acomoda aos principios da ética persoal e social.

 A que, en fin, é capaz de sacrificar a satisfacción do curto prazo, a miúdo efémero, para expandir o horizonte das súas ambicións. Esa foi a política grande que soubo inaugurar unha nova e brillante etapa integradora na nosa historia recente e é a única que ten a capacidade de reafirmar a confianza na nosa gran nación, abrir novas portas á esperanza e materializar esa arela de superación que está a reclamar a nosa sociedade. Para conseguilo, é necesario promover valores como o respecto mutuo e a lealdade recíproca. Son valores que hai máis de tres décadas contribuíron a poñer en pé un novo marco de convivencia, o recoñecemento da nosa pluralidade e o amparo das diferentes linguas, culturas e institucións de España.

É hora de que todos miremos cara a adiante e fagamos o posible por pechar as feridas abertas. Será novamente un éxito de todos, cidadáns e institucións, baseado no respecto ás leis e ás canles democráticas. A Coroa é moi consciente do esforzo e o sacrificio que os cidadáns están a levar a cabo con enteireza. Ningún esforzo na vida é ermo e o serán os que se están a facer agora. Neste contexto,


quero salientar a actitude abnegada e leal das familias e asolidariedade de moitas organizacións asistenciais que, coa súa axuda, tanto están a contribuír á estabilidade social. Tamén, o sacrificio de todos os españois que deixan agora o noso país para conseguir mellores condicións de vida para eles e as súas familias.

A súa experiencia e preparación constituirán ao seu regreso un importante efecto dinamizador da nosa economía.

O Nadal simboliza o triunfo da xenerosidade sobre o egoísmo. Xenerosidade, solidariedade e compromiso son valores que todos debemos recoñecer, conservar e promover sempre e nestes tempos máis que nunca.

Feliz Nadal para todos e boas noites.   .

Ningún comentario:

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...