Xa se sabe a famosa frase que os galegos amosamos para dar
opinión moitas veces sobre diferentes temas, o importante é ter sentidiño. Pois
iso é o que se ten que aplicar na problemática abusiva de alcohol por menores,
da mocidade e do resto dos cidadáns.
Porque a lei está aí para cumprila, e sinala que se ten que
«definir as características que haberán de ter as estratexias de prevención de
consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, de educación sanitaria e de
concienciación, social e das familias, do grave problema xerado polo consumo de
bebidas alcohólicas en menores de idade. Limitar o acceso dos menores de idade
ás bebidas alcohólicas. Exercer o control administrativo desta restrición ao
consumo por menores de idade, que aborde tanto a venda e o fornezo como o
propio consumo por menores en vías públicas ou establecementos. Establecer
limitacións a determinadas prácticas de publicidade, promoción e patrocinio do
consumo abusivo. O réxime sancionador. O sistema de información sobre
resultados da aplicación da norma. Limitacións horarias á venda nocturna e
medidas de control da administración en espazos de dominio público». ¿De
verdade estase a cumprir?.
O problema é a implantación das leis, o papel
pode con todo, pero para levar a bo porto estas disposicións o que fai falta é
a vontade de todos. As Administracións, facer cumprir as leis, dotar aos
recursos preventivos dos servizos especializados públicos, e do tecido asociativo,
capacidade económica para poder desenvolver os seus proxectos preventivos. E
tamén facer cumprir a lei no control e sanción, non se poden dar por boas as
escenas de consumos masivos en espazos públicos por parte de menores, e moito
menos en permitir o consumo e venda en hostalería, supermercados…
Pero non só é a lei
e a prohibición o que ten que predominar. Os actores principais para cambiar
estas tendencias somos os cidadáns, nos que están tamén incluídos os nosos
gobernantes. Mentres non se entenda que é mellor previr que curar, non vai ter
nada sentido. Para isto o máis lóxico é a educación, se temos bos profesionais
é porque recibiron unha boa formación. Pois se creamos cidadáns, desde cativos,
cunha educación integral e preventiva en temas como este, teremos cidadáns con
habilidades para encarar as súas vidas dunha forma máis saudable.
Pero non hai
receitas máxicas e o que se ten que poñer en valor son as prioridades. ¿Estamos
dando os adultos bos exemplos cos nosos comportamentos e actitudes no referente
o alcohol? ¿A mocidade ten recursos de lecer nocturno para dedicarse a unha
diversión fóra de consumos abusivos para divertirse? Os responsables legais dos
cativos dedicámonos a aprender estratexias para axudalos? ¿Pasamos tempo con
eles educándoos dunha forma sa?.
fuente: La Voz de Galicia
Ningún comentario:
Publicar un comentario