martes, 25 de setembro de 2018

O FIOT vén de ser galardoado co Premio da Cultura Galega nas artes escénicas.


«O obxectivo é ver o mellor de todo»


O FIOT vén de ser galardoado co Premio da Cultura Galega nas artes escénicas. Falou en Radio Voz o domingo Alberto Sueiro


CASAL

M. MEIZOSO P. BLANCO
CARBALLO / LA VOZ 25/09/2018 
Apenas quedan xa uns días. Este venres botará a andar o programa da 27.ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, un encontro que nas últimas horas vén de ser galardoado co Premio da Cultura Galega na categoría de artes escénicas. Alberto Sueiro, presidente da asociación cultural Telón e Aparte, así como director do festival, participou esta pasada semana no programa Con voz de domingo, de Radio Voz, onde foi dando conta do que se achega.
-Programa longo, extenso, denso. Un mes enteiro de FIOT.
-Si, pretendemos que Carballo sexa o corazón de Galicia durante un mes. Son 41 espectáculos de teatro, 5 estreas, 7 seccións de artes escénicas... Programa denso, claro.
-As valoracións do festival carballés nas redes son espectaculares. Hai algo máis gratificante?
-O máis gratificante é ver como enchemos o teatro cada día que facemos función. Pero efectivamente, como en calquera faceta da vida, se gaban o que fas, mellor aínda. Iso é porque levamos moitos anos e facemos moitos amigos.
-Están especialmente satisfeitos desta edición? Presumimos?
-Sempre presumimos, porque en cada edición esforzámonos por presentar o mellor do teatro que se fai en España. Pero, efectivamente, dende hai un tempo ata aquí, creo que levamos unha traxectoria de ir medrando ano a ano: funcións, autores, dramaturgos...
-Cal é o perfil de público?
-Con 27 edicións temos xa un público educado, moi fiel, e logo, é verdade, un aforo bastante limitado. Polo tanto, a gran maioría a estas alturas é publico de Carballo, que medrou co propio FIOT.
-E novas xeracións, supoño.
-Si. Estamos traballando moito na creación de públicos. Esta edición, en concreto, dirixímola aos millennials, de forma absolutamente evidente. Reflexionamos que o propio FIOT é un millennial. Buscamos a conexión con ese público que responde a outros estímulos en termos de ocio. É o público dos próximos 25 anos de FIOT.
-E como se apaixona aos mozos?
-Nós intentámolo buscando autores moi bos e que respondan ao perfil desas novas xeracións. Espectáculos non só dirixidos a eles, senón tamén dirixidos aos demais para entendelos a eles.
-E como temos que entender o concepto FIOT? Vai máis alá.
-O festival, que en principio ten un marcado carácter local porque quería levar o teatro alí a onde non chegaba, ten dúas claves: a calidade e a diversidade. Pasaron 25 anos e hoxe o que pretendemos é que calquera espectador teña unha oferta durante un mes en Carballo. Así temos, por exemplo, a Rúa dos Contos, que cumpre 20 anos; unha parte dedicada aos nenos, o Fiotiño, co concurso de teatro lido en Radio Voz, a parte do festival que máis importancia ten para os rapaces; o OTNI, propostas máis contemporáneas e transgresoras; o Metro Cadrado, microteatro nos lugares máis diversos...
-O que se pode ver en Madrid ou Barcelona, tamén en Carballo.
-Exacto. As distintas formas de presentar as artes escénicas.
-Como se manteñen no tempo?
-Con dificultade e sorte. Moitas edicións estiveron no arame, pero dende o principio houbo un grupo entusiasta. Quizais a diferenza márcaa que, nestes máis de 25 anos, a nivel institucional, nunca tivemos a ninguén en contra. Pasamos por todas as combinacións políticas, e sempre con amparo. Logo, sobre todo, o bo acollemento que lle deu o público de Carballo, un público que ademais foi evolucionando [vese nas súas valoracións]: Carballo sente como propio o FIOT. Iso fai que sobreviva: que a xente conte con que no seu ano está o Nadal, o verán, o San Xoán... e está tamén o FIOT.
-Temos nesta edición algo tan diferente como Touriñán e Carlos Blanco con «Somos criminais» ou como Lolita Flores en «Fedra».
-Precisamente aí está o obxectivo: que se poida ver o mellor de todo. A Fedra que vén a Carballo é unha función apegada ao empoderamento da muller e á igualdade de xénero, valores aos que este festival ten que estar apegado.
-Dígame algo que destacaría.
-Ademais desa Fedra, e de Ron Lalá, do mellor do teatro en España, penso que é imperdible El tratamiento ou Iphigenia en Vallecas. Destacaría, tamén, Un enemigo del pueblo, espectáculo de Kamikaze e reflexión sobre a democracia no que os espectadores son os que deciden como segue a función. Nun dos dous pases antes da estrea, durou 12 minutos, porque eles decidiron que quedase aí. Destacaría, tamén, La tristeza de los ogros: o seu director é o neno prodixio do teatro europeo.
Dende hoxe, entradas e bonos para o público en xeral. Onte, luns, rematou o prazo para que os socios de Telón e Aparte mercasen os seus bonos. Hoxe quedará aberto para o público en xeral, que pode mercar xa de forma anticipada tanto os bonos como as entradas individuais para os espectáculos. Poderán facelo ata o día antes de cada función.



Ningún comentario:

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...