martes, 13 de outubro de 2020

PRENSA: El Correo de Bergantiños. Vieiro ocupará provisionalmente as oficinas do antigo centro municipal de formación tras o incendio da súa sede


PRENSA: 13/10/2020

 

Vieiro ocupará provisionalmente as oficinas do antigo centro municipal de formación tras o incendio da súa sede

Responsables municipais mantiveron hoxe unha reunión con membros da xunta directiva da entidade para buscar un novo emprazamento

Carballo. O alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, visitaron hoxe a sede de Vieiro nas antigas vivendas dos mestres, que quedou inhabitable como consecuencia dun incendio intencionado na madrugada do domingo. Os responsables municipais mantiveron unha reunión cos membros da xunta directiva Fina Rey, Xosé María Arán e Pilar Mata e con persoal da asociación antidroga, e puxéronse á súa disposición para a procura dun emprazamento alternativo dada a imposibilidade de seguir utilizando o local que xa tiñan cedido polo Concello de Carballo.

Nada máis rematar a xuntanza realizouse unha visita ao edificio do antigo ambulatorio, onde se barallou a posibilidade de acondicionar un espazo na planta baixa, aínda que a necesidade de realizar obras impediría a súa utilización a curto prazo. Posteriormente achegáronse ata o antigo centro municipal de formación, na avenida da Cristina, que en principio reuniría as condicións necesarias para o seu uso inmediato por parte da asociación, polo que se acordou a ocupación provisional da instalación á espera do acondicionamento da sede que se habilitará no antigo ambulatorio.

A Brigada Municipal de Obras colaborará con Vieiro no traslado, que se realizará esta mesma semana. A xunta directiva agradeceu a colaboración dos servizos municipais e a rápida resposta do goberno municipal, que permitirá que a asociación retome a súa actividade nos vindeiros días.

Fuente: El Correo de Bergantiños

Ningún comentario:

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...