Sobre as oito da mañá deste domingo asaltaron e incendiaron a sede da asociación Vieiro, situada na céntrica rúa Vázquez de Parga, antigas casas dos mestres en Carballo, deixándoa totalmente inoperativa. Persoa ou persoas descoñecidas forzaron a primeira porta da reixa da entrada á entidade pinzando e rompendo a fechadura posiblemente cunha «pata de cabra», violentando do mesmo xeito a porta de madeira da entrada principal.
Unha vez dentro forzaron armarios e caixóns que nese momento estaban pechados con chave. Posteriormente prenderon lume a un armario onde se gardaba toda a documentación da entidade no despacho principal de recepción, o que xerou un incendio que someteu a todo o local a temperaturas elevadas.
Pouco antes das nove da mañá un veciño deu a voz de alarma á Policía Local ao observar como saía fume do inmoble, o que evitou que o incendio declarado no interior puidese alcanzar unhas dimensións desproporcionadas. Unha patrulla da Policía Local acudiu de inmediato ao lugar, así como tres unidades dos bombeiros do parque de Carballo e efectivos da Garda Civil. Á súa vez o Xefe da Policía Local avisou ao vicepresidente da entidade, que compareceu inmediatamente na zona para seguir de preto o operativo.
Unha vez sufocado o incendio e ventilado o edificio polos bombeiros, procedeuse por parte da Garda Civil a levantar atestado dos feitos e posteriormente acudiu a Policía Xudicial a inspeccionar o local e exteriores, así como a sacar probas para a investigación do suceso.
O vicepresidente da entidade comunicou o acontecido ao resto de membros da xunta directiva que acudiron ao lugar, posteriormente un deles presentou a correspondente denuncia dos feitos no cuartel da Garda Civil de Carballo. Tamén foi informado o alcalde de Carballo, ao ser o edificio e as dependencias de Vieiro propiedade municipal, así como o concelleiro de Obras e Servizos e á concelleira de Servizos Sociais.
O concello enviou ao responsable da brigada de obras e un operario, que se encargaron de arranxar a porta da reixa exterior para asegurar o local, quedando pendente para o martes que membros desta brigada e persoal de Vieiro procedan á retirada de material, mobiliario queimado e comprobar se hai algo aproveitable.
Ata o lugar tamén se achegou o concelleiro do PP carballés e deputado autonómico Rubén Lorenzo, que transmitiu o seu pesar aos membros de Vieiro e a súa disposición para colaborar no que fose necesario.
Na entidade non se explican estes feitos, dado que nas instalacións non se garda ningunha substancia nin diñeiro, polo que non teñen claro o motivo do suceso.
Un dano moral e físico, pero sobre todo documental
Non é a primeira vez que Vieiro sofre roubos na súa sede da rúa Vázquez de Parga desde que se trasladasen as dependencias desde a anterior localización no Concello ata a actual. Pero sempre foron danos menores e nunca subtraccións de gran importancia. Desde a entidade afirman que «o material sempre con esforzo recupérase, pero moralmente é outra -puñalada- ás persoas que forman parte da asociación».
Nesta ocasión, grave de seu pola intencionalidade de facer dano e polo incendio, a isto súmase o problema de que se queimou principalmente a documentación correspondente á contabilidade, facturas e libros. Iso vai dificultar o traballo administrativo de Vieiro, así como do sistema informático, tema no que está a traballar un técnico haber se pode recuperar o disco duro do servidor e se están operativas as memorias externas das copias de seguridade, se isto non esta ben, para Vieiro sería un gran problema, obrigándolle a empezar de cero.
Vieiro agarda concretar unha cita co Alcalde, o concelleiro de Obras e Servizos e a concelleira de Servizos Sociais para valorar os danos e ver as medidas a tomar para emendar a falta de dependencias como consecuencia dos feitos.
A asociación quere trasladar que a pesar deste revés, estivo, está e estará comprometida máis que nunca coa súa función de prevención, información, formación, asesoramento e rehabilitación en temas de adiccións, saúde e comportamento, así como de todos os servizos que presta, tanto en Carballo, como na comarca e en xeral de quen demanda os seus servizos, sempre altruistamente. De feito este martes continuará coas reunións previstas con orientadoras, neste caso en dependencias da Parroquia de Carballo, que se brindou para ofrecerlles un espazo provisional.
Desde Vieiro gradecen aos corpos e forzas de seguridade, bombeiros e traballadores municipais o esforzo realizado tras o suceso, así como a actitude cívica do veciño do lugar, que grazas ao seu aviso evitáronse males maiores. A directiva da entidade afirmou que a pesar da dor dos feitos ocorridos, desde o minuto un púxose en marcha para que este incidente non pase factura aos seus usuarios e todas as persoas que se benefician dos seus servizos e programas.
Unha chamada á colaboración
«Presentábasenos un ano duro pola pandemia e isto vainos a poñer moi costa arriba o noso proxecto, facemos un chamamento ás administracións, concellos da comarca, empresarios e todo o que queira colaborar. Agardamos poder contar coa colaboración dos que xa nos axudan e dos que teñan a posibilidade de sumarse a nós neste momento complicado», manifestan desde Vieiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario