Redacción.12-10-2020
Días tristes para a familia da Asociación Antidroga Vieiro. Este pasado sábado a súa sede, nun local municipal sito nas vivendas de profesores da Rúa Vázquez Parga, sufría un incendio, probablemente provocado. Así o denuncia Xosé María Arán, responsable da entidade, que recoñece que “non lle encontramos sentido ningún… Non parece que se levaron nada, e mesmo queimaron as pantallas dos ordenadores…”
Foi o sábado a primeira hora da mañá cando un veciño que pasaba por aí, notou que a porta estaba pinzada e avisou á Policía. Pronto chegaron os Bombeiros e sufocaron a desfeita.
Arán recorda que a entidade, que cumple 30 anos de servizo este 2021, nunca tivo ningún problema, pero dende o ano pasado que as vivendas están desafectadas e baixou moito a veciñanza, a zona quedou algo abandonada, provocando xa outros dous roubos no último ano. ”Pero esta vez xa é unha cousa moi seria”, recoñece Arán.
A instalación quedou inoperativa, e a entidade está moi preocupada, “non só polos bens, e os aparatos, senón tamén porque que se queimou a información da Asociación, tanto física como os discos duros”, explica. “Temos un problema moi serio pois a ver se podemos recuperar as copias de seguridade de cousas como o servizo xurídico que facemos con usuarios dende Fisterra a Laracha, que está en local”.
A ENTIDADE MANTÉN A OPERATIVIDADE
En todo caso, e pendentes da reunión deste martes co Concello para ver se poden habilitar outro local, a entidade, e os seus 2 traballadores permanentes e outros 6 temporais, manteñen a súa actividade. Ademais a Parroquia de Carballo cédelles un espazo temporal, para realizar as reunións coas comunidades escolares dos centros de ensino no marco do programa de Escola de Familias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario