mércores, 6 de xullo de 2011

ENTREGA DOS GALARDONS DE CARBALLES, BERGANTIÑAN E GALEGO DO ANO 2010



Un ano máis o Padroado Fogar de Bergantiños, fai entrega dos galardóns de Carballés, Bergantiñán e Galego do ano 2010, é un acto público, no que se agasallan con este recoñecemento as persoas e entidades que contribuiron ou están a contribuir ca súa labor no desenvolovemento nos distintos campos en favor dos seus territorios.

DATA: 8 de xullo de 2011.
LUGAR: SALON DE PLENOS CASA DO CONCELLO DE CARBALLO – A CORUÑA. (Capital de Bergantiños).
HORA: 20´30.


OS PREMIADOS


CARBALLES DO ANO:

DON RAMON SANCHEZ GARCIA E DONA BASELISA RODRIGUEZ.


Os esposos D.Manuel Sánchez Cotelo e Dª Josefa García Facal tiveron oito fillos: Carmen, Dolores, Genoveva, Josefa, Eduardo, José, Manuel e Ramón Sánchez García.

Naceron todos en Carballo, e vivían na Lagoa, se ben RAMÓN SANCHEZ GARCIA ao casarse con BASILISA RODRIGUEZ SANDE pasou a residir no edificio chamado o “Covento”, no nº 2 do Campo da Feira, cuxo edificio construíu en terreo propio, dotándoo dunha Capela unida, coñecida por “Capela da Milagrosa” ou tamén “Igrexa da Medalla Milagrosa”.
Dª Basilisa era natural de Buño, e exercía como mestra, aínda que desde que casou deixou a súa profesión.
Contan que Dª Basilisa sufriu unha grave enfermidade, que os médicos non lograban curar. Entón encomendouse á Virxe Milagrosa, facendo a Novena e recibindo con devoción a Medalla da Virxe. Conseguiu curarse de todo, atribuíndo a súa curación a un milagre da Milagrosa.
En agradecemento foi cando decidiu o matrimonio construír a Capela e o Colexio anexo á vivenda (que comunicaba coa Capela), destinándose a Colexio e residencia das Relixiosas Dominicas da Anunciata. As monxas eran as que se encargaban de impartir a ensinanza e tamén a educación relixiosa e formación humana.
Deste xeito, no ano 1912 inaugurouse a Capela, e en 1924 rematáronse as obras do Covento-Colexio.
As alas dereita e posterior do edificio dedicáronse a convento de clausura e colexio; e a ala anterior a vivenda dos Sánchez Rodríguez.
Se a isto se engaden as obras de caridade e penitencia, compréndese perfectamente que o recordo dos fundadores e creadores da Capela da Milagrosa permaneza tan vivo, tanto no barrio coma no resto da Vila de Carballo.
D.Ramón y Dª Basilisa dedicaron moito esforzo e preocupación, así como gran parte do seu patrimonio a que no Covento-Colegio se dese educación cristiá aos nenos e que na Capela se celebrase culto, para o que conseguiron que viñesen a residir as Relixiosas Dominicas da Anunciata. Foron ao longo dos anos moitas persoas as que aprenderon a ler e escribir, y ademais recibiron unha formación cultural, musical e artística, xa que a parte da formación en idade escolar, tamén se impartían clases de labores, música, pintura e convivencia. A “Madre Monserrat” ou a “Madre Matilde” aínda son recordadas polas clases de piano que impartían.
A recoñecida pintora Antoñita Villaverde Pumar, que fue alumna deste Colexio da Milagrosa ata os 17 anos, refire que a Irmá Guillermina Grey, filla de pai inglés e nai arxentina, foi profesora súa. Di Antoñita que ”A tódolos maiores ensinounos o que esixían para Bacharelato, e como debuxaba moi ben facíanos debuxar do natural. Foi a que nos ensinou a pintar á acuarela, e animoume a dedicarme á pintura, que foi a miña profesión”.
Durante a República pechou o Colexio, ao marchar as monxas. Despois continuou unha profesora de Santiago dando clases, tras a Guerra Civil volveron as Relixiosas por una temporada.
D.Ramón Sánchez García morreu en Carballo o 1 de xaneiro de 1941, deixando no testamento disposta unha dotación económica para o funcionamento e atención da Capela da Milagrosa.
En agosto de 1941, o convento e a capela pasaron a ser propiedade dos esposos D. Manuel Peregil Pérez e Dª María Cambón Sánchez.
Dª Basilisa faleceu en Carballo o 21 de Setembro de 1956.
Durante todos estes anos, por un acordo entre a familia propietaria e o Arcebispado de Santiago de Compostela, a Capela estivo aberta ao culto, destacando como actos relixiosos a Novena á Milagrosa e a súa festa, que se celebra o primeiro domingo de Setembro.
O 13 de xaneiro de 2010 transmitiuse a propiedade da Capela e do edificio anexo en ruínas á Parroquia de San Xoán Bautista de Carballo.
Con motivo do Centenario estase preparando a Coroación canónica da Imaxe da Virxe Milagrosa que se fará o 3 de setembro do 2012. O 4 de setembro do presente ano 2011 dará comezo o Ano Xubilar Mariano que o Vaticano concedeu con motivo do Centenario.
Nestes momentos estase a rehabilitar o edificio, para destinalo a unha Obra social de Acollida a mulleres maltratadas, ás nais que non queiran abortar, etc., que será dirixida polas Fillas da Caridade.


ESCOLAS DE BALONMAN XIRIA
As Escolas Balonmán Xiria son froito de moitos anos de traballo por parte dun conxunto de persoas ligadas ao deporte no Concello de Carballo. Para entender cal é a importancia das mesmas dentro da comarca de Bergantiños, e xa na Provincia da Coruña, é preciso coñecer brevemente a historia das mesmas, que se inicia dentro do seo da Asociación Deportiva Xiria, creada en 1983 (galardoada como Bergantiñán do Ano 1990).
Nos primeiros anos de Xiria o nivel de esixencia tanto organizativo coma orzamentario estaba perfectamente cuberto. Pero ao medrar o número de equipos así coma o cada vez maior nivel deportivo supuxo un aumento progresivo dos orzamentos, sendo esta a principal razón para que nun momento determinado se tornase necesaria unha separación clara das partidas económicas de cada unha das seccións, chegándose a un punto no que cada unha delas debería regular e responsabilizarse de xeito diferenciado. Dunha forma clara a partir dese momento o nivel deportivo e a implantación na sociedade bergantiñá aumentou ata levar á Asociación no momento actual a ser o referente máis importante a nivel deportivo da nosa comarca.
No ano 2006 “bautízase” á sección de balonmán coma ESCOLAS BALONMÁN XIRIA, sendo en todos os aspectos a continuidade de dita sección e asumindo todos e cada un dos seus retos, tanto en aspectos sociais, deportivos, organizativos e económicos.
Os fins das ESCOLAS BALONMÁN XIRIA, como non podía ser doutro xeito, son a promoción do deporte. E isto vese reflexado no número de rapazas e rapaces practicantes da disciplina do balonmán e de persoas implicadas no funcionamento das ESCOLAS, que día a día continúa crecendo.

Na actualidade a estratexia deportiva marcada dende o seu inicio permite que o equipo Senior, subcampión na presente tempada do seu grupo de 1ª Estatal (terceira categoría do balonmán español), estea composto nun 95% por xogadores nacidos en Carballo e criados no seu seo. Non se pode obviar que para acadar este obxectivo ás veces se teñen que sacrificar logros deportivos que poderían ser considerados dende outros puntos de vista máis vistosos pero polos que hai que agardar o tempo necesario en aras de manter o espírito primixenio do clube.
Tampouco se escatiman medios para que deportistas que amosen un nivel sobresaínte poidan ter unha opción de futuro consolidada. Con ese fin en decembro de 2010 firmouse un convenio con Club Ademar de León, para ter un acceso a elite de xeito controlado e con grandes beneficios para os posibles usuarios.
No eido social o traballo desenvolto dende as Escolas Balonmán Xiria é recoñecido dende diferentes entidades. Pódese citar o Convenio de Colaboración coa Cruz Vermella e a colaboración anual coa Asociación Antidroga Vieiro coma dous dos puntos máis importantes. Tampouco se pode esquecer a labor de inserción social que se leva a cabo a través das Escolas de Verán, dezasete edicións xa celebradas, e que solidariamente co departamento de Servizos Sociais do Concello de Carballo permite que nenas e nenos en risco de exclusión social teñan as mesmas oportunidades de ocupación do tempo de lecer que os seus compañeiros. Unha iniciativa que crece ano tras anos e que na derradeira edición contou cunha participación de 225 persoas.
Os logros deportivos das Escolas Balonmán Xiria son innumerables. Pero facendo un percorrido pola historia, cabe destacar:
• No ano 1994 celébrase a 1ª Escola de Verán.
• Nas Tempadas 1998/1999 e 1999/2000 foi Campión Liga 2ª Nacional, disputándose a Fase de Ascenso a 1ª Nacional en Carballo.
• En maio de 2000 ascende a 1ª Nacional.
• En 2002 a Federación Galega de Balonmán outorga o Premio de Mellor Clube de Galicia á Sección de Balonmán da A. D. Xiria polos resultados dos seus equipos.
• Na tempada 2001/2002, acada os Subcampionatos Galego Infantil e Galego Cadete.
• En 2003 é Campión Galego Cadete; e ao ano seguinte Campión Galego Xuvenil.
• En Maio de 2004 o Equipo Xuvenil Masculino acada o 7º posto no Campionato España.
• Na Tempada 2005/2006 logra o Subcampionato Galego Xuvenil-Masculino.
• En 2008 son Subcampións da 2ª División Nacional.
• En Maio de 2008 consíguese o ascenso a 1ª División Nacional en Oviedo cun equipo formado maioritariamente por rapaces de Carballo.
• No ano 2009 concédeselle o Premio ao mellor Clube de Galicia, outorgado pola Federación Galega de Balonmán pola traxectoria e o proxecto de Escolas Balonmán Xiria.
• Na Tempada 2010/2011 son Campións Galegos Cadetes. Tamén son segundos na Liga de 1ª División Nacional, participando na Fase Final Ascenso a División de Honra Prata, cun equipo formado con dezaseis rapaces saídos das categorías base das Escolas Balonmán Xiria.
Poderíanse engadir unha longa lista de campionatos provincias en todas as categorías do balonmán. Pero se hai algo do que sinta orgullo as Escolas Balonmán Xiria é do apoio de nenas, nenos, nais, pais, empresas e institucións que confían no bo facer do clube. E no Carballés do Ano 2010 depositan a súa total confianza ano tras ano coa seguridade de compartir un proxecto común, non só no eido deportivo senón tamén no social, tendo a seguridade que todo o traballo desenvolvido dende as Escolas Balonmán Xiria é para o crecemento deportivo do Concello de Carballo, e por ende, dos seus habitantes.


BERGANTIÑAN DO ANO:

OLEIROS DE BUÑO

A primeira formación coñecida que traballou en prol dos intereses oleiros foi a “Sociedad Católico-Obrera del Gremio de Alfareros “. 0 6 de decembro de 1929, o presidente, Manuel López Varela, e o secretario, E. Suárez, asinaron o seu regulamento. Tratábase dunha asociación apolítica, na que todos os seus socios debían pertencer á rama da olería e abonar unha cuota mensual de 25 céntimos. Tiña por obxectivo contribuír ao desenvolvemento artístico, intelectual e moral dos seus asociados.
En 1969 creouse o “Gremio Sindical Artesano de Alfareros de Buño”. 28 oleiros asinaron o acta de constitución, con Manuel Nieto como Mestre Maior e José María Caamaño González como Síndico. A importancia deste artesanado fora decaendo e o obxectivo do Gremio era renovar e dar novo realce a dita profesión. Do 15 ao 30 de Setembro dese mesmo ano celebraron a “1 Exposición de Artesanía Alfarera de Buño”, na “Casa de la Cultura” da Coruña, e solicitaron no concello a creación dunha escola rural de artesanía.
En 1979 naceu a Asociación Fumeiro, presidida por José Antonio López Villar e José Antonio Añón Lista ao longo dos seus 13 anos de actividade (1979-1992). O seu obxectivo primordial foi protexer a continuidade da olería de Buño. Naquel mesmo ano celébrase a 1ª Mostra de Olería, e en anos posteriores organizaría nove máis.
En 1997 xurdiu a Asociación Oleira de Buño, e dous anos despois recolle oficialmente o legado do “Gremio Sindical Artesano de Alfareros de Buño”. Ademais da celebración das últimas 15 edicións da Mostra de Olería (este ano 2011 celébrase a XXVIII edición), destaca a súa presenza noutros importantes eventos coma a “1ª Cumbre de Artesanos de Europa y América Latina” en 1998, a “Semana Verde de Silleda”, “Fitur” 2006 e 2008, “Feria Internacional de Lugano” 2009, a “Feira do Noroeste”, “lntergift”, “Manual Show” (Madrid, feira de manualidades) ou a “Feira do Encaixe de Camariñas” desde 1998 ata hoxe en día (15 anos).
Coa Asociación Oleira chegou a creación da imaxe corporativa “Olería de Buño”, que dende --1999-- ven sendo o distintivo da orixe e calidade das pezas destes artesáns, tralo acordo de colaboración Concello de Malpica-IGAPE. Ademais dos logotipos da Olería de Buño, deséñanse caixas, bolsas e papel que unifican a imaxe corporativa do centro oleiro.
Outro feito significativo foi a posta en marcha da páxina web da Mostra de Olería de Buño en 1999
Participa en publicacións como o Catálogo “Olería de Buño” (2007) “Olería de Buño, unha tradición milenaria” (2008), audiovisual “Cocedura Tradicional” (2010), colabora na “Memoria do Artesán en Imaxes. Centro Oleiro de Buño” (1997) ou nas actividades do XIV Congreso de Ceramoloxía.
Colabora co Ecomuseo dende 1999, participando na realización das 12 Coceduras Tradicionais organizadas ata o de agora.
En 2007 recibiu, xunto co Ecomuseo Forno do Forte, o premio Pedra do Destino, premio que concede a Asociación Amigos dos Museos dirixida por Felipe Senén, pola salvagarda da longa tradición oleira.
Organizadora de cursos formativos para oleiros, como o de aplicación de esmaltes, escaiola ou modelaxe, da efectiva xestión das relacións con organismos, institucións e administracións, sobresae o convenio de financiamento da mostra coa Deputación da Coruña, firmado en 2004, e os Cursos de Olería en 2010 e 2011 coa Xunta de Galicia.
A olería de Buño alcanzou o cénit coa “Medalla de Oro de Bellas Artes” por parte do Ministerio de Cultura. Estas medallas distinguen ás persoas e entidades que teñan destacado no campo da creación artística e cultural ou teñan prestado notorios servizos no fomento, desenvolvemento ou difusión da arte e a cultura, ou na conservación do patrimonio artístico.
Esta dilatada traxectoria é o resultado da longa tradición dos Oleiros de Buño, que non só mantiveron o centro oleiro nesta localidade, senón que exportaron o seu saber facer a outros lugares, deixando unha pegada ben recoñecible na tradición oleira de pobos tan significativos como o centro oleiro de Bonxe (Lugo) ou o desaparecido centro oleiro de Betanzos, ou na tamén desaparecida fábrica de cerámica de A Guarda. Cando tiveron que emigrar levaron a arte de Buño creando obradoiros en lugares tan lonxanos como Canarias ou Sudamérica. Na actualidade, ademais de en Buño, descendentes de oleiros de aquí teñen obradoiros activos en Salvaterra e Ames, onde manteñen unha clara conexión coas súas orixes.
A cerámica de Buño chega a todos lados, vendéndose por toda España e no estranxeiro, chegando a lugares tan distantes como Xapón.

GALEGO DO ANO:

FUNDACION CASTELAO
A Fundación Castelao fundouse o 31 de decembro de 1984, ano en que retornaron os restos mortais de Castelao a Galicia.
É unha institución de carácter privado, e totalmente independente, que traballa en prol da cultura galega.
A Fundación foi creada por un grupo de amigos que se reuniron para gardar fidelidade á obra de Castelao e evitar que o seu nome fose manipulado. O seu primeiro presidente foi Ramón Martínez López, e Avelino Pousa Antelo o secretario. Teresa Rodríguez Castelao, irmá do insigne galego foi presidenta de honra ata a súa morte.
O seu fin é o de estimular e favorecer a cultura galega en xeral e, en particular, o fomento das artes plásticas, etnografía, socioloxía, economía e política galegas, narrativa e teatro, campos en que tanto se distinguiu o xenio de Castelao.
Esta entidade naceu coas modestas aportacións feitas polos membros fundadores, pero cunha grande ilusión de traballo para honrar a memoria e divulgar a obra de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao. Na actualidade, a súa economía nútrese das cotas que aportan os seus asociados e de subvencións das distintas Administracións públicas.
A Fundación Castelao ten a súa sede nun modesto local da compostelá Rúa do Hórreo e está presidida polo intelectual Avelino Pousa Antelo, destacado mestre rural e propulsor do cooperativismo en Galicia, sendo á súa vez vicepresidente da Fundación Fernández Flórez e vocal das fundacións Pedrón de Ouro e Alexandre Bóveda. Asi mesmo, Miguel
Anxo Seixo Seoane é o vicepresidente desta fundación encargada de difundir a obra do ilustre rianxeiro.
A Avelino Pousa Antelo cambioulle a vida un 10 de maio de 1931, cando con “dezasete iluminados anos e sendo alumno da Universidade Pontificia de Compostela» escoitou falar por primeira vez a Castelao. Setenta anos despois, dirixe unha fundación que traballa, día a día, por manter acesa a memoria do que foi o personaxe máis egrexio da Galicia do século XX.
Segundo Avelino, que é unha das tres persoas que vive e que coñeceu ao autor de “Sempre en Galiza”, Castelao foi o arquetipo da galeguidade; posuíu a ética dun home galego entregado á súa terra enteiramente. En Galicia puido haber mellores políticos, oradores ou artistas pero Castelao foi o guieiro. Castelao ten unha personalidade exemplar, unha conducta humana que sempre será modélica para os galegos de calquera tempo e lugar.
Esta entidade galeguista traballa para gardar e espallar a memoria, a vida e a obra do Daniel Castelao poliédrico e enteiro -artista, escritor, pai do nacionalismo galego contemporáneo, humanista, político-.
A Fundación, que considera o legado de Castelao como 'parte do patrimonio galego', ten un destacado papel na promoción da cultura galega a través do fomento de estudos e publicacións nos eidos máis diversos e da promoción das artes plásticas, o teatro e outras moitas manifestacións artísticas. A fundación edita, entre outras publicacións, os Cadernos Castelao coordinados por Henrique Monteagudo. Ademais, entre os últimos libros editados pola Fundación Castelao, pódese destacar, por exemplo, “Castelao corenta anos despois (1.950-1990)”
No ano 2000, no cincuenta cabodano da morte de Castelao, acadaron logros moi difíciles, como a edición das obras completas na editorial Galaxia, con axuda da Xunta de Galicia e da Fundación Caixa Galicia; ou a exposición da obra gráfica e pictórica, que custou máis de 180.000 euros.
En xaneiro de 2010, a Fundación Castelao pon fin a 25 anos de esforzo para reunir a obra do literato rianxeiro coa presentación dun catálogo coa inxente creación deste intelectual.
A catalogación das creacións de Castelao, que reúne dende ilustracións a lenzos, libros ou discursos, inclúe preto de 3.800 obras e custou cinco lustros que finalmente vira a luz. O coordinador do proxecto, Miguel Anxo Seixo Seoane, fai constar que se logrou recompilar case o 100% da obra de Castelao, a pesar de que foi ilustrador, político e escritor e que ademais tivo que pasar polo exilio. Todo o catálogo da vida e obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao está dixitalizado e pasará a ser un patrimonio accesible a todo o mundo, servindo deste xeito para tender unha ponte entre a memoria histórica e o presente.
A posta en marcha do primeiro museo virtual de Galicia, destinado á figura de Castelao, tamén servirá para que os cidadáns poidan ter acceso e profundizar na ampla e diversa obra do máis ilustre dos nosos persoeiros, xa que Castelao foi un dos artífices da chegada da modernidade á identidade cultural de Galicia, e a súa figura non só debería ser unha referencia para os galegos, senón tamén parte do patrimonio universal.

FELICITACIONS A TODOS OS PREMIADOS.

.



Ningún comentario:

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...