A veciñanza quere potenciar as pistas polideportivas como espazo de ocio evitando a súa utilización como aparcamento
Xoves 8 de xuño do 2017 Participación veciñal
Por parte da representación veciñal tamén se presentou unha proposta de cesión de terreos por parte de dúas veciñas para ordenar a circulación na zona do cemiterio, e o Concello quedou encargado de facer o contacto para coñecer as condicións e abordar a solución ao problema actual. Na mesma liña demandaron a limpeza e a reforma da Ponte de Queo, por ser moi utilizada mesmo polo tráfico pesado.
Evencio Ferrero sinalou que dentro do plan de mellora da rede viaria que se está a acometer en todas as parroquias, as únicas pendentes de contratación nestes momentos son Ardaña e Berdillo
Con respecto á reunión anterior ampliáronse as peticións en materia de saneamento e reiterouse a carencia de cobertura de Internet. E de novo a veciñanza outorgou moita importancia á posibilidade de dispoñer de máis e mellores equipamentos e infraestruturas de carácter social. Neste sentido valoráronse positivamente as actuacións realizadas no campo de fútbol das Pedreiras, que se irán completando en función das posibilidades, ou o arranxo da escola do Añón, que agora é utilizada polos veteranos da SD San Lorenzo e unha peña. Nese mesmo local pídese agora que se asegure o terraplén da parte posterior, unha intervención que os asistentes a esta segunda xuntanza recoñecían que é de difícil execución.Novo proxecto social
Pero o principal proxecto social que se quere acometer consiste en recuperar as pistas polideportivas situadas por riba do local social “para fins culturais e deportivos”. Para empezar pídese unha actuación urxente de cara ao Albaroque, que se celebrará o día 8, para poder utilizar os vestiarios existentes, pero de cara ao futuro as entidades avogan por habilitar outros vestiarios, colocar equipamento deportivo e pechar o recinto para evitar que sexa utilizado como aparcamento.fuente: Concello de Carballo
Ningún comentario:
Publicar un comentario